Friday 17 de May de 2024

O Concello de San Sadurniño asegura a pista da Ribeira, danada durante os temporais de fin de ano


O cambio de ano veu marcado por unha sucesión de temporais de auga que ocasionaron múltiples desperfectos en San Sadurniño. O máis reseñable foi o desprendemento dunha parte da presa do Castelo, en Naraío, que obrigou a manter desaloxada por prevención unha vivenda augas abaixo. Porén, houbo máis desfeitas, como a caída dun tramo de muro dos xardíns municipais, xa reparado, ou o corremento de terras na zona da Ribeira, en Igrexafeita, que deixou literalmente no aire a única vía de comunicación deste lugar de Igrexafeita. Durante estes días estiveron levándose a cabo traballos de consolidación que suporán un investimento cercano aos 10.000 euros.

A obra localízase na pista que enlaza os lugares da Casatellada, Regueiro Cavado e a Ribeira, nunha zona de ladeira moi pronunciada onde é habitual que se produzan corrementos de terras en épocas de fortes choivas.

Iso foi o que ocorreu na Noiteboa de 2022, cando a inestabilidade provocada pola auga acumulada no subsolo levou de súpeto monte abaixo unha lingua de chan, maleza e árbores duns 50 metros de longo, deixando nunha situación precaria un tramo do principal camiño que lle dá servizo as casas da Ribeira.

O Concello balizou de inmediato o punto afectado para evitar o paso de vehículos -sobre todo maquinaria pesada- e aconsellou que as persoas usuarias habituais empregasen como alternativa a pista das Costeiras, que tamén desemboca na Ribeira continuando logo até a Fervenza.

As obras de reparación tiveron que agardar ao verán para contar con certa garantía de poder traballar sobre terreo enxoito. Debido á forte pendente foi necesario abrir un acceso inferior monte a través para achegar os materiais e consolidar a base da pista cun empedrado de 11 metros de longo por arredor de 4 metros de altura. Ademais tamén se repuxo con saburra e regas asfálticas unha tira de firme duns 10 metros cadrados.

O orzamento da intervención, executada por José No Mantiñán e Hijos e sufragada integramente con fondos municipais, ascende a 9.922 euros, impostos incluídos.

Rematada tamén a reparación do muro dos xardíns
Outro lugar onde os temporais do inverno causaron desperfectos foi no peche perimetral dos xardíns municipais. Os 7 metros de muro que se viñeran abaixo no Nadal tamén quedaron listos hai escasos días, cun investimento de 15.000 euros financiados na súa totalidade cunha axuda de Turismo de Galicia.